segunda-feira, 26 de abril de 2004

subdesenvolvimento lingüístico

Nos requisitos dunha oferta de traballo, que non era nin para tradutores nin para lingüistas, leo:

“Dominio absoluto del alemán y del inglés, además del catalán.”

Imaxino a mesma oferta pero dunha empresa de Vigo que dixese “además del gallego”. Cando a xente diga neste país “teño que aprender galego, e ademais aprendelo ben, porque mo van pedir para traballar”, daquela se cadra comezaban a mudar as cousas. Pero de momento parece que é pedir demasiado que fagan o galego necesario cando nin sequera o fan útil…

Un dos factores que pode promover o uso do galego nas empresas é que a Xunta a utilice como única lingua de comunicación. Cando contratan un servizo, que teña que ser en galego, ou que a documentación teña que estar en galego.

Talvez sexa iso o que están facendo no novo goberno, non o sei, pero sei que hai empresas de marketing non galegas que se candidatan a concursos para a contratación de campañas de promoción turística que entregan a súa proposta en galego.

Isto igual xa era así antes, pero cústame imaxinalo. E tampouco sei se isto é un requisito explícito da convocatoria (que as propostas sexan entregadas en galego) ou é que a empresa presupón que así terá máis posibilidade de gañar o concurso. En calquer caso, unha empresa de fóra talvez non ten máis remedio que contratar un/ha tradutor/a, mais paréceme moi probábel que este tipo de políticas de contratación suscite algunha mudanza de actitude nas empresas galegas.

sábado, 24 de abril de 2004

Windows XP en galego

Despois dunha ollada por riba, paréceme que está moi ben traducido. Por exemplo, pon "atallo" en vez da trangallada esa de "acceso directo". Hai algunhas outras cousas que mostran que tiveron --timidamente?-- o portugués (ou o uso en galego?) en conta, como "computador", "seguranza", "ligazóns", etc. Aínda que, para que non haxa dúbidas, tamén puxeron "ventás" e ese palabrón das "iconas", que a min me parece moi pouco serio.

Quen se imaxina un mundo en que a un trebello informático calquer lle quixesen chamar "icarallo" en galego co pretexto de que esa é a denominación que dá en galego a base grega... Eikaráyo!

Na páxina de Imaxin pódese baixar o novo corrector 2mil3 para o Office 2000, XP e 2003, adaptado á nova norma, así que agora non che di máis que "críbel" ou "conflito" están mal como facía antes (incorrectamente)... Xa se sabe que as máquinas son burras e só fan o que as (persoas) humanas lles mandan.