Mostrar mensagens com a etiqueta it. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta it. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 20 de março de 2007

Click here to download your lunch

Hai um par de dias esquecim o jantar na casa. Estou desejando que a informática avance mais para que se poda descarregar o jantar de Internet. Haverá sítios web com bufé livre, onde baixavas todo o que queiras por um preço único, e outros em que pagas só por cada prato virtual. E por suposto podera-se baixar com o emule a comida que comparte outra gente. Depois o teu computador comunica-se por bluetooth com umha impressora 3D que sintetiza os nutrientes com mais ou menos sal segundo a tenhas configurada. E para transportá-la e imprimi-la noutro lugar, mete-la no tuper-drive USB, que os haverá dum montom de gigas (nom sei a quantos gramos equivalerá um giga, mas decerto que caberá um monte de comida). Terá a vantagem de que a comida nom se estraga, aguanta um montom de tempo no disco rígido ou no tuper-drive. O ruim suponho que será o spam, nom quero nem pensar que te has de encontrar quando estejas mastigando...

Estaria bem, seguro que nem com isso acabava a fame do mundo...

sábado, 17 de fevereiro de 2007

de nomes e de ruidos e de quenturas no MacBook

Lembro que os primeiros dias o MacBook nom fazia ruído nengum. Era umha cousinha silenciosa. Refiro-me ao ventilador, polo que o ruído estranho que fai ao meter e tirar um cd nom conta. Depois descobrim que quando fago algo que requer muito processamento fai uns ruídos semelhantes aos dum fervedor de água eléctrico, um ruído que aumenta e aumenta até que se escuita ferver a água e entom o fervedor desliga-se. Por isso, e poruqe é branco, lhe pugem de nome kettle :)

Este nome foi o segundo, que veu substituir ao primeiro, mincha, porque é pequeno, que também hai minchas brancas, e também como variaçom do nome que tinha o Dell, pero este nome nom lhe acaía bem.

O caso é que agora o ventilador já fai muito mais ruído, quase tanto como o que fazia o Dell, que se chamava micho, polo ronroneio que fazia. Por certo, o disco rígido externo, que ainda conservo, fai regularmente um ruidinho semelhante ao que fam as galinhas. Também conheço algum frigorífico que fai igual.

Bem, pois à parte do ruído, também notei que o MacBook ao princípio nom se quentava nada, e em câmbio agora quenta-se muito mais. Isto suponho que é devido a que ao princípio o disco estava quase vazio, e o ar tinha muito sítio para circular, por isso também o ventilador tinha que trabalhar menos, ao passo que agora o disco está quase cheio e o ar tem mui pouco sítio para circular, por isso se quenta antes, e por isso o ventilador tem que trabalhar muito mais.

Se quadra haverei de provar a fazer umha partiçom no disco e deixá-la livre para que sirva como reserva de ar frio, para que ao passar polo lado dela o ar arrefeça. E também nom viria mal mirar a ver se hai algum sistema de ficheiros que requira menor energia de activaçom ou instalar nessa partiçom algum programa que funcione como anti-catalizador do funcionamento interno do processador. Algo ha de haver.

quarta-feira, 24 de maio de 2006

La Coz de Galicia en galego

Hoxe descubrín que agora La Voz de Galicia (sen link) incorpora un botón para facer a tradución automática ao galego, para quen o queira ler nesa lingua e non na orixinal, arriscándose a encontrar algún que outro erro, pero de ilusións tamén se vive.

A iniciativa é loábel, polo que implica de maior presenza do galego na rede. Porén a crúa realidade é que La Voz segue sendo un medio dirixido principalmente a galeg@s escrito practicamente na súa integridade en español. Por un lado está ben que incorporen esa opción, dá boa imaxe e tal, é mellor que nada, pero por outro lado tamén é criticábel.

Como non podía ser doutra maneira, a versión en galego non é, nin se pode configurar para ser, a opción por defecto, de maneira que quen queira ler o xornal en galego ten que acceder ao medio en español e despois clicar no botón para obter a versión en galego. En troca, sirva unha odiosa comparación para deixar en evidencia a diferenza de miras: El Periódico de Catalunya permíteche crear un perfil para que cada vez que accedas á páxina o xornal se mostre na túa lingua de preferencia, sen necesidade de pensares en que lingua o queres ler.

Se cadra non é demasiado engorroso clicar nese botón cada vez que accedes á páxina principal, ou non moito menos engorroso do que rexistrarse e criar un perfil, pero o feito ten unha importáncia simbólica nada desdeñábel: deixa o galego no lugar segundón e segundísimo que por suposto lle corresponde.

Conclusión: o desenvolvemento tecnolóxico tamén serve para que quen viña escribindo en español (xornalistas, funcionarios, profesores de universidade, etc.) cada vez teña menos motivos para non seguilo facendo. De feito, en canto me alegro moito de que a tradución automática sexa posíbel do galego ao español, non sei se no sentido contrario non terá máis inconvenientes que vantaxes (para o galego, quero dicir, non para os que non o queren usar).

Segunda crítica: non vexo por ningures agradecementos ou créditos a quen fixo ou cede o motor de tradución automática que utilizan. Digo eu que non se faría só e moito menos que non o farían os de La Voz.

terça-feira, 16 de maio de 2006

OpenOffice en galego

Tamos tod*s de parabéns! En Vieiros explican que se acaba de publicar a versión en galego do OpenOffice, cousa que tamén explican na propia páxina da Xunta. O programa e o corrector xa se poden descargar de aquí.

sábado, 24 de abril de 2004

Windows XP en galego

Despois dunha ollada por riba, paréceme que está moi ben traducido. Por exemplo, pon "atallo" en vez da trangallada esa de "acceso directo". Hai algunhas outras cousas que mostran que tiveron --timidamente?-- o portugués (ou o uso en galego?) en conta, como "computador", "seguranza", "ligazóns", etc. Aínda que, para que non haxa dúbidas, tamén puxeron "ventás" e ese palabrón das "iconas", que a min me parece moi pouco serio.

Quen se imaxina un mundo en que a un trebello informático calquer lle quixesen chamar "icarallo" en galego co pretexto de que esa é a denominación que dá en galego a base grega... Eikaráyo!

Na páxina de Imaxin pódese baixar o novo corrector 2mil3 para o Office 2000, XP e 2003, adaptado á nova norma, así que agora non che di máis que "críbel" ou "conflito" están mal como facía antes (incorrectamente)... Xa se sabe que as máquinas son burras e só fan o que as (persoas) humanas lles mandan.